Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Pazos de Borbén aproba un orzamento de 1,8 millóns de euros para o 2022

pleno pazos

O pleno municipal de Pazos de Borbén aprobou os orzamentos municipais para o próximo ano. A previsión ascende até case os dous millóns de euros e rexistra un aumento xeneralizado na maioría das partidas, principalmente as centradas nos servizos sociais, e un descenso xeneralizado dos gastos, como o da iluminación pública derivado da instalación de luces led en varias parroquias.

A previsión ascende a un total de 1.860.700 euros, sen ter en conta as posibles subvencións procedentes doutras administracións. Un orzamento que apenas ten variación respecto ao ano pasado a pesar da oscilación á baixa na participación nos tributos do estado.

A partida que máis aumenta é a destinada a sufragar os gastos de Igualdade e Servizos Sociais, que aumenta en 50.000 euros para mellorar o Servizo de Atención non Fogar e manter o apoio aos veciños ante a situación de crise orixinada pola pandemia.

Por outra banda, tamén hai partidas que se reducen, como a destinada ao gasto eléctrico da iluminación pública municipal que diminúe en 30.000 euros.

“Trátase dunha previsión responsable no gasto, pero sobre todo consciente da realidade social dun momento no que os veciños necesitan máis que nunca o apoio das institucións”, indicou o alcalde, que finalizou anunciando que para non repercutir cargas aos veciños “este ano manteranse conxeladas todas as taxas e tributos municipais”.

Do mesmo xeito, e tamén por unanimidade, o pleno municipal deu o visto e prace á actualización do Inventario Municipal de Bens e Inmobles. O documento recolle os vehículos, solares, bens patrimoniais, parques, xardíns, edificacións docentes e instalacións deportivas propiedade do Concello entre outros conceptos.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará