Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Os veteranos de Celta e Casa Paco celebran o 40º do club redondelán

CasaPacoVeteranos

A pandemia está a condicionar as actividades previstas polo Grupo Casa Paco 81 co gallo do seu 40 aniversario. Boa parte das celebracións tiveron que aprazarse por mor da crise sanitaria, pero no club confían en poder retomalas “cando a situación mellore”, explica o presidente Manuel Conde. Teñen pendente presentar a canción da entidade composta por Xoán Alonso “Pipa”, e a entrega das placas de recoñecemento polo seu traballo en Redondela ao longo da pandemia á Cruz Vermella, Policía Local e Nacional, Protección Civil, SEIS e Servizo de Urxencias.

Manuel Conde confía en poder celebrar os actos do 40º do club cando a situación sanitaria mellore

O que si puideron celebrar foi o partido amigable entre veteranos do Celta de Vigo e ex xogadores de Casa Paco. O encontro disputouse o pasado domingo en Santa Mariña. Alí os máis pequenos do club fixéronlle o corredor aos xogadores nunha xornada “de moita ilusión para xogadores que se coñecen desde nenos”. A calidade do equipo vigués fixo que levaran o partido “cunha pequena malleira para o Casa Paco”, sinala Manolo, quen recoñece que o resultado “era o de menos”.

O amigable entre veteranos do Celta e Casa Paco puido disputarse en Santa Mariña

Na cita de Santa Mariña o presidente entregou a insignia do club a Carlos Cabanas, un dos colaboradores da entidade desde os seus comezos. Conde salienta que sen el “Casa Paco non sería posible” porque desde o comezo traballou “facendo de todo, desde tarefas de limpeza ata adestrar aos rapaces ou levalos nos desprazamentos”.

No partido o presidente entregou a insignia do club a Carlos Cabanas

O partido tivo tamén o seu lado solidario, xa que se recolleron alimentos non perecedoiros para Cáritas dentro da campaña que Casa Paco realiza cada ano. As doazóns poden facerse tamén no Multiusos da Xunqueira e no pavillón de Reboreda, onde xogan as categorías base do club. Son en total 80 nenos e nenas os que conforman o club, con 7 equipos. Conde amósase moi satisfeito de poder seguir con este traballo da base “porque desde que comezou a pandemia o traballo multiplicouse con todos os protocolos, e a labor da directiva e adestradores é fundamental”.

O club conta con 80 nenos e nenas nunha temporada moi complicada polos protocolos Covid
No partido o presidente entregou a insignia do club a Carlos Cabanas
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará