A recén creada Federación de ANPAS de Redondela denuncia que o alumnado interesado en cursar os estudos de Artes segue sen ter a posibilidade de acceder a este ciclo no noso concello. No caso de querer desenvolver esta especialidade ten que elixir un centro educativo doutro municipio polo que estaría obrigado a desprazarse a Pontevedra, Vigo ou Mos. Lembran que a Comisión de educación do Parlamento de Galicia aprobara por unanimidade incluir no proceso de prematrícula esta modalidade en Redondela polo que xa solicitaron unha reunión co Xefe Territorial de Educación para esixir que o compromiso se cumpra e que se fagan públicos os mecanismos que se van establecer para coñecer a demanda existente.
O acordo foi adoptado o pasado 22 de setembro, condicionando a implantación destes estudos a existencia de demanda por parte do alumnado, con todo “pasados catro meses dende este acordo, a Consellaría de Educación aínda non definiu nin informou aos centros sobre o mecanismo para cuantificar a demanda destes estudios en Redondela” afirma o presidente da Anpa do Mendiño, Anxo Lusquiños cando “a cuantificación da demanda do Bacharelato artístico ten que ser previa a ese período de admisión”.
A piques de abrirse os prazos de prematrícula, o alumnado atópase co feito de que se quere cursar estes estudos debe elixir un centro educativo de fóra de Redondela co custe económico, de tempo e esforzo que iso supón polo que “esiximos que cando un alumno vaia a elixir a opción de bacherelato de artes saiba que esa opción vai poder tela en Redondela” xa que no caso contrario, os interesados en Artes optarán por outra opción que si estea disponible nos institutos do municipio.
Lembran que o Bacharelato de Artes é a modalidade que permite ao alumnado acceder a estudios universitarios como Belas Artes, Deseño, Restauración, Artes escénicas, Humanidades ou Publicidade etc e outros tantos Ciclos superiores relacionados co Deseño Gráfico ou o Audiovisual. Formacións que, na actualidade teñen grande demanda e variadas saídas profesionais e que si se imparte en concellos con moitísima menos poboación que o noso.