O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez anunciaba este investimento nunha visita a Illa o pasado sábado no que insistiu en que o obxectivo da actuación de resolver problemas de humidade e danos causados polas inclemencias do tempo e garantir a conservación e uso da Illa como recurso cultural.
Román Rodríguez visitaba a Illa de San Simón, onde está previsto poñer en marcha un proxecto para garantir a conservación das estruturas e inmobles existentes tanto en San Simón como na Illa de San Antón. “Este é un espazo único que conta cunha gran riqueza histórica, patrimonial e paisaxística e que o converten nun recurso emblemático para o desenvolvemento de actividades culturais”, indicou o conselleiro antes de engadir que o obxectivo da Xunta é facilitar que a illa sexa “visitada e gozada pola cidadanía”.
Para conseguilo, a Xunta dedicará 500.000€ a realizar obras que contribúan ao “debido mantemento deste ben para promover tanto os usos existentes como implantar outros novos que reforcen o seu atractivo”.
O proxecto inclúe a restauración das instalacións, especialmente as relacionadas coa subministración de auga potable, a prol dun consumo máis eficiente. Tamén se actuará nas diferentes construcións existentes para recuperar o seu aspecto orixinal e garantir a súa sustentabilidade. Nesta liña, vaise intervir nos edificios do Seminario, do Centro de Interpretación e da Casa da Cultura, así como no comedor.
A Xunta leva investidos xa preto de 400.000 euros en diferentes actuacións nas illas de San Simón e de San Antón, con melloras nos edificios e noutros elementos construtivos, como os peiraos, ademais de varias plantacións.