O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, lémbralle ao BNG que o proxecto para a recuperación do inmoble foi licitado e adxudicado o ano pasado, pero a obra non puido levarse a cabo porque a empresa retirou finalmente a súa oferta, obrigando a reiniciar todo o proceso
Reguera respondía así ás acusacións dos nacionalistas quen criticaban días atrás o estado do inmoble cando o pleno comprometérase a acometer a súa reforma e a súa conversión en centro social. Explicaba o alcalde que a reforma da antiga escola do barrio de Moreira foi licitada pero a empresa adxudicataria renunciou no último momento “algo do que son coñecedores no BNG, que coas súas afirmacións están ocultando a verdade ao dicir que dende o goberno non se fixo nada”.
A decisión da empresa de retirar a súa oferta obrigou a declarar deserto o concurso público e a reiniciar todo o proceso de contratación dos traballos.
Explica Reguera que esta situación non é excepcional nos procesos de contratación de obras públicas “Coa crise de subministracións e o encarecemento de materiais, ás empresas resúltalles difícil manter os orzamentos ao longo de todo un proceso público de adxudicación. Cando chega o momento da firma ven que xa non lles compensa e retiran a oferta ou non presentan a documentación”.
Do mesmo xeito, o alcalde confirmou que o goberno local está a traballar para sacar un novo proceso nun prazo reducido co que poder adxudicar os traballos da escola de Moreira. O obxectivo é rehabilitar todo o conxunto e transformalo nun gran espazo multiusos para uso e goce de todos os veciños.