O proxecto para mellorar a eficiencia enerxética neste espazo deportivo conta cun orzamento de 331.000 € dos que a Deputación achega máis de 281.000 € a través do Plan ReacPon.
O alcalde de Fornelos Emiliano Lage asinou coa presidenta da institución provincial Carmela Silva o convenio para a rehabilitación do pavillón municipal. A presidenta Carmela Silva, felicitou ao concello polo carácter “modélico” do proxecto e pola súa aposta polo deporte. Sobre o proxecto, destacou que ten por obxectivos aumentar a seguridade da práctica deportiva e mellorar a eficiencia enerxética, “cumprindo coa Axenda 2030, cos requirimentos do Plan de Resiliencia dos Next Generation e das vías de financiamento que vai implantar a partir de agora e de forma habitual a Unión Europea”.
Pola súa banda o alcalde de Fornelos de Montes, Emiliano Lage, agradeceu o continuo apoio da Deputación “que están a permitir transformar a vila”. Tamén presumiu de ter un concello “bastante ben dotado no tocante ao ámbito deportivo” e puxo en valor o carácter funcional do pavillón, que “en horas lectivas, pola mañá, é tamén empregado polo colexio”.
A rehabilitación do pavillón municipal suporá unha importante obra para mellorar a eficiencia enerxética deste recinto deportivo comunicado co CEIP Doutor Suárez e enmarcado no complexo deportivo no que se sitúan as piscinas municipais, o ximnasio, a pista de padel e a pista multideportiva. A actuación contempla a eliminación da condensación mediante a instalación de calefacción e ventilación mecánica, así como a mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica e a estanquidade instalando illamentos térmicos e paneis sándwich na fachada e cuberta. Igualmente vaise apostar por enerxías sostibles a través de luces LED, dunha nova instalación eléctrica e caldeira de pellets de condensación. Amais tamén se van substituír as placas de fibrocemento con amianto por outros elementos que aumenten a seguridade na práctica deportiva e aumentarase a superficie cuberta do corredor entre o pavillón e o ximnasio e a pista de padel.