O pleno da corporación municipal de Soutomaior aprobou os seus orzamentos para este ano. A previsión ascende a case cinco millóns de euros (4.805.228), aos que haberá que sumar os investimentos que se realizarán con financiamento procedente da deputación e outros entes supramunicipais.
O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, definiu estes novos orzamentos como “realistas e co obxectivo claro de axudar aos veciños e ás empresas locais. Aseguramos o mantemento de todos os servizos, mantemos a Débeda 0 e seguimos incrementando a protección social coas taxas conxeladas por décimo ano consecutivo” sendo un dos concellos con menor presión fiscal sobre os veciños con 232 euros anuais.
Aas partidas que rexistran un maior aumento son as destinadas ás políticas de protección social, que crecen un 13% até sumar un total de 434.000. Partidas destinadas a sufragar as posibles emerxencias sociais, as axudas para material escolar, programas para a 3ª idade e grupos en risco de exclusión social entre outras actividades.
Do mesmo xeito, destaca tamén a previsión económica da concellaría de Cultura na que se reflicte unha achega de 20.000 euros para potenciar a escola de música ademais da recuperación de varias festas e celebracións locais, detidas estes dous últimos anos pola pandemia. Celebracións como a Festa dá Ostra, o Certame dá Camelia, Entroido ou San Xóan que “se as condicións sanitarias o permiten volverán celebrarse este ano”.
As partidas destinadas a Deporte, Xuventude e Medio Ambiente mantéñense con respecto ao exercicio pasado e reflicten actuacións previstas como a mellora de varios roteiros, ciclos formativos e a potenciación do Plan Municipal de Reciclaxe e Compostaxe.