Alianza inesperada no pleno de onte no que os votos a favor de PSOE e PP facilitaron a adhesión do concello ao convenio de prevención de incendios e xestión da biomasa que busca garantir a limpeza das franxas de protección que están preto dos núcleos de poboación. Unha alianza que parecía ía repetirse no convenio de colaboración para a posta en marcha do Grupo de Emerxencias Municipais (GES) durante os anos 2022 e 2023. Con todo o PP modificou o seu posicionamento inicial e optou por votar en contra alegando que “o goberno local non quere o GES” tras manter un rifi rafe co concelleiro de Interior, Ignacio González. AER e BNG votaron en contra de ambos convenios por entender que non benefician a Redondela.
O convenio de Xunta e Fegamp para a xestión da biomasa con alto potencial combustible, especialmente nas franxas de protección que estean preto dos núcleos de poboación saíu aprobado cos votos a favor do grupo de goberno e os edís populares, quen lembraron que sempre defenderon este convenio que xa foi a pleno en tres ocasións diferentes “nos non damos bandazos e tamén nesta ocasión imos votar a favor” explicaba o edil Alvarez Balleteros, quen pedía premura ao goberno para a súa posta en marcha.
Miguel Álvarez ballesteros, PP
En base ao convenio as limpezas que ordene o municipio serán executadas por Medio Rural a través do Seaga. Con todo, será o Concello quen terá que identificar aos propietarios, cuestión que entenden en AER non é viable ao non existir persoal no departamento de Medio Ambiente que poida asumir este traballo “o concello non está preparado para aplicalo”. Explicaba tamén o edil da agrupación de electores, Roberto Villar que deberían ser empresas locais as que realizaran estes traballos de limpeza e non o SEAGA.
Tamén o edil do BNG poñía en dúbida os beneficios que este convenio ten para Redondela, porque o concello contrae numerosas obrigas: elaborar un plan de prevención de incendios forestais, identificar aos propietarios, elaborar un plan anual de xestión de biomasa e facer unha achega económica e, ao fin, a colaboración da Xunta redúcese a realizar os desbroces .
Non o entende así o edil de Medio Ambiente, quen insistía en que este convenio servirá para cubrir unha necesidade que o concello non é quen de acometer como é a limpeza de parcelas con propietarios descoñecidos ou a xestión da biomasa ofrecendo rozas bonificadas de 350 euros por hectáreas aos propietarios coñecidos de terreos forestais.
Os votos a favor de PSOE e PP permitiron sacar adiante este convenio, non así o dos GES. Un convenio de colaboración en materia de emerxencias para o desenvolvemento do Grupo de Emerxencias Supramunicipais durante os anos 2022 e 2023 que só contou co apoio dos concelleiros de goberno.
A sinatura deste convenio suporía a creación dunha sede para emerxencias coa contratación de seis traballadores para a súa xestión e con apoio económico de Xunta e Deputación de Pontevedra. Malia que parecía que o goberno local ía contar co apoio dos populares, logo do debate o grupo de Carmen Amoedo decidía modificar o seu voto alegando que “non podemos apoiar un convenio no que non cren”.
Un pleno no que todos os grupos amosaron o seu pesar polo falecemento repentino da exalcaldesa de O Porriño, Eva García de la Torre, tras sufrir un infarto con tan só 59 anos de idade.