A concellería de Medio Ambiente inicia este venres en Cedeira un programa de charlas que se van desenvolver nas parroquias do concello e que servirán para informar sobre aspectos fundamentais sobre a expansión desta especie invasora. Os membros do SEIS (Servizo de Extinción de incendios e Salvamento) serán os encargados de achegar datos prácticos que permitirán identificar ás velutinas e colaborar na súa extinción.
Unha especie que vai evolucionando e aclimatándose dende que chegara ao noso concello aló polo ano 2015. Algo que preocupa e que se nota especialmente “en determinadas parroquias como Cedeira, Reboreda, Cabeiro e, en xeral, naquelas zonas onde as temperaturas son máis suaves e hai máis horas de sol”. Así o explicaba dende o SEIS, Aarón Fernández
Co obxecto de erradicar e tentar controlar a especie é preciso recorrer ao trampeo selectivo. Unha práctica que debe facerse a partir deste mes de febreiro e unha das iniciativas fundamentais que permitiu reducir o ano pasado ata o 50% dos niños “pasouse de 250 niños a 130 preto das vivendas”. Unha actuación que é preciso facer sempre de forma coordinada, polo que, tal e como explica Jonathan Martínez, será un dos puntos que se aborden nestas charlas
As charlas arranca este venres ás 19:00 horas no Centro Cultural de Cedeira e na vindeira semana percorrerán as parroquias de Reboreda, Vilar, Soutoxusto, A Miñoteira en Ventosela, Trasmañó e Cabeiro. O obxectivo é trasladar informacións prácticas aos asistentes e traballar na prevención lembrando a necesidade de seren prudentes “sobre todo entre aquelas persoas que traballan no campo, xa que cada vez son máis os niños de velutina situados no chan, entre a maleza ou a alturas baixas, co conseguinte perigo que iso supón para as persoas que están realizando labores de limpeza nas fincas”.
Lembran ademais que hai a disposición da veciñanza dous números de teléfono: o 012 para alertar de niños que se atopen en fincas e o 986400300 no caso de identificar algún niño nunha vivienda ou nas súas proximidades.
CHARLAS
Centro Cultural de Cedeira (Venres 4 ás 19:00 horas)
Centro Cultural de Reboreda (Luns 7 ás 19:30 horas)
Centro Cultural de Vilar (Martes 8 ás 19:30 horas)
Centro Cultural de Soutoxusto (Mércores 5 ás 19:30 horas)
Centro Cultural da Miñoteira en Ventosela (Xoves 10 ás 19:00 horas)
Centro Sociocomunitario de Trasmañó (Venres 11 ás 18:30 horas)
Centro Cultural de Cabeiro (Venres 11 ás 19:30 horas)