Esta ferramenta, posta en marcha pola Concellería de Novas tecnoloxías que ser “un paso máis á hora de abrir canles de participación da mocidade nas accións do Goberno local en temas que lles afecten directamente”. O nome da páxina, que entrará en funcionamento nos vindeiros días, foi elixido na última reunión mantida polos mozos e mozas que forman parte do Órgano de Participación Infantil e Adolescente ‘Axentes do Cambio’.
Os enlaces para entrar en Redondela Fala serán enviados aos centros de ensino para que, rapaces e rapazas poidan consultar e, se é o caso, mellorar coas súas achegas os distintos proxectos que o Goberno local vaia a poñer en marcha.
De feito, tres primeiras iniciativas serán postas á consideración das mozas e mozos de Redondela: as obras a realizar no Campito e o skatepark da Vía Verde, ámbalas dúas actuacións en Chapela, e a mellora do Campo de San Pedro en Cesantes.
Unha vez en funcionamento e a través do correspondente enlace, a mocidade e a infancia de Redondela poderán consultar ditos proxectos e achegar aquelas propostas que consideren oportunas ao tratarse de temas que lles afectan de xeito directo. No vindeiro Pleno Infantil e Xuvenil que se ten que celebrar en marzo, debateranse as propostas presentadas para facelas chegar ao Goberno socialista para a súa execución.
Para a alcaldesa, Digna Rivas, esta páxina “supón un avance na participación das mozas e mozos nas accións do Goberno local”. Rivas lembrou que esta participación “era un compromiso en firme que tíñamos coa infancia e adolescencia do municipio”. A participación da mocidade e os Plenos da Infancia e Adolescencia “non poden ser, como eran, algo carente de utilidade coa única intención de cubrir as apariencias”. O Goberno dun municipio, democraticamente entendido, continúa a alcaldesa, “pasa por involucrar a todos os sectores sociais e mozos e mozas, nenos e nenas, teñen que ser parte activa desa acción de Goberno”.
Agora, remata a rexedora redondelá, “as reunións do Órgano de Participación Infantil e Adolescente de Redondela ‘Axentes do Cambio’ e os Plenos da Infancia e a Adolescencia, son ferramentas útiles que permiten que o sector máis novo da sociedade teña voz e voto e decida sobre os temas que lles afectan”.