A Concelleira de Economía e facenda asegura que o derrube da nave anexa ao Convento e o estacionamento na entrada de vila será unha realidade “a curto prazo” porque así nolo demandaron os veciños e porque se trata “dunha actuación necesaria para avanzar nunha vila máis sostible”. Logo de que o pleno non aprobase a modificación necesaria para financiar esta obra con fondos do Plan Concellos, o goberno local apura os prazos para buscar outro tipo de financiamento “que non dependa da aprobación do pleno”.
Os veciños da zona teñen un problema de estacionamento, e tanto o Plan de Mobilidade como o PXOM establece que deben existir estacionamento disuasorios nas dúas entrada da vila para retirar tráfico do casco urbano e garantir unha mobilidade máis sustentable “que beneficiará ao comercio local, ao veciños en xeral e aos que residen nas inmediacións desa zona en particular”.
Argumentos que entende xustifican a construción dunha obra que suporía máis de medio millón de euros que se investirían en derrubar a nave anexa ao Convento “o que xa de por si supón unha mellora notable do patrimonio” e en construír na zona un espazo de esparexemento e aparcamento con aproximadamente 130 prazas.
Nega Castro que se trate dun aparcamento semellante ao do Campo da Feira xa que “tal e como se recolle no proxecto sería un espazo completamente verde e accesible, con creación de zonas para pasear, mobiliario urbano, achegamento ao paseo do río”.