A Concellería de Vías e Obras procedeu nestes días ao repintado de todo muro frontal da praia de Arealonga que, días atrás, apareceu cheo de pintadas nun acto de vandalismo “que nada ten que ver coa libre expresión das ideas de cada quen”, afirma o Goberno local. As pintadas afectaron ao muro frontal que separa a praia de Arealonga do paseo e ao mobiliario urbano da zona.
O Concello arranxou os danos coa maior rapidez posible dado que Arealonga e un lugar no que diariamente danse cita centos de veciños e veciñas, tanto para acudir ás instalacións municipais e educativas da contorna como para gozar do que é un dos balcóns de Redondela á ría e lugar de ocio e paseo por excelencia de Chapela.
“A xente que realiza este tipo de accións –di Digna Rivas– debería ter presente que os espazos públicos non son lugares de ninguén, senón lugares de todos e todas, patrimonio de todos os veciños e veciñas e que os danos que ocasionan supoñen un prexuízo económico para a cidadanía e un gasto engadido as arcas municipais”.