BNG, AER e PSOE acusaron ao PP de “caciquear” co bacharelato de artes e amosaron unha crítica unánime ao xeito no que a Consellería de Educación e o seu titular, Román Rodríguez, deron a coñecer a decisión de implantar esta modalidade en Redondela “a través dunha comunicación con representantes do PP e non directamente coa Federación de Anpas”. Dende o PP pola contra acusan ao goberno local de “falta de xestión” neste asunto.
Os tres grupos insistiron en que a día de hoxe oficialmente non hai nada en firme “moitas das cousas que se coñecen foi a través das declaración de Alberto Pazos na Radio Municipal”. Así o explicaba a nacionalista Jessica García, encargada de defender a moción presentada polo seu grupo, quen insistía en que non hai explicacións sobre como se vai impartir nin como se poderán inscribir os alumnos interesados.
Dende o PSOE insistía a responsable de ensino, Olga García en que nestes momentos non lle consta nin a Inspectora, nin ao xefe territorial de educación, nin a directora do Pedro Floriani nin a Federación de Anpas que esta modalidade se vaia implantar no noso concello e tampouco se sabe nin onde se vai desenvolver nin en que horario. “De ser certo que se vai implantar en Setembro imos esixir que o alumnado de Artes teña os memos dereitos que o resto dos alumnos doutras modalidades”.
Daniel Boullosa dende AER insistía precisamente na falta de concreción nos horarios, na forma de matriculación ou de en que centro de vai impartir.
Pola súa banda a popular Carmen Amoedo insistía en que a postura da Consellería foi sempre a mesma “en febreiro estaban pendentes de que saíran os curriculums do estado e non saíron ata abril”. Unha vez que educación ten esa información e decide levalo a cabo se lles comunica ás ANPAs. Aseguraba tamén que en cuestión de días concretaranse todos os trámites a realizar polas familias para poder acceder a estas ensinanzas. Remataba acusando ao resto dos grupos de “buscar que non se implantara esta modalidade para ter argumentos para acusar ao PP e a Consellería de Educación”.
Concluía a edil nacionalista insistindo en reclamar a dimisión do Conselleiro por “ter mentido e caciqueado dende o minuto cero”.