As directivas de once comunidade de montes do Concello de Soutomaior manifestaron o seu rexeitamento unánime ao proxecto que prevé a construción dun novo encoro no río Oitavén para abastecer a Vigo así como un transvasamento do río Verdugo. Actuación que cualifican de “insensible” e que causarán “danos irreversibles” na zona.
Non sempre é doado poñer de acordo a diferentes colectivos en torno a unha mesma causa. Pero o proxecto da Confederación Hidrográfica Miño-Sil si está a lograr a unanimidade na súa contra. Concellos, formacións políticas, colectivos sociais e medioambientais xa teñen amosado o seu rexeitamento a unha iniciativa que busca garantir o consumo de auga a Vigo a conta de novas actuacións que segundo denuncian serán moi prexudiciais para os ríos Oitavén e Verdugo, para a súa contorna natural e para os seus recursos pesqueiros e marisqueiros.
Un rexeitamento ao que se suman tamén doce comunidades de montes de Soutomaior quen emitiron un comunicado amosando “a súa oposición frontal a calquera proxecto que implique poñer máis obstáculos aos xa existentes nas concas destes ríos”.
Entenden que o problemas de abastecemento a Vigo non se resolve con grandes proxectos que prexudican ao medio ambiente e apostan por “políticas de educación que fomenten o consumo responsable, medidas de aforro e análise da rede de distribución para minimizar as fugas e reducir as perdas”.