A axencia de Doazón busca aumentar o número de doadores para achegarse ás taxas de doazón recomendadas pola Organización Mundial que ascenderían a 40 por cada mil habitantes. Redondela está seis puntos por baixo desa cifra. Para facilitar as doazóns as Unidades Móbiles desprázanse periodicamente ao noso concello. Hoxe mércores estará ubicada na Alameda de Chapela de 15:30 a 21:00 horas e na vindeira semana, o venres 20 e sábado 21 situarase ao carón do Concello no centro da vila.
A Axencia de Doazón recuperou xa a normalidade logo de meses duros onde tiveron que reducir ao mínimo as campañas de recollida. Unha situación que supuxo que non se sumaran a este acto solidario novos doadores “as persoas que levan anos doando son moi fieis e continuaron doando durante todo este tempo, pero houbo que suspender campañas nas Universidades e constatouse tamén que non se incrementaron o número de persoas que se achegan por primeira vez a doar”, explica a directora de Ados, a doutora Marisa López García.
Para paliar esa situación estanse incrementando as saídas das Unidades móbiles neste momento cun obxectivo ademais ben concreto: incrementar as reservas nos tipos A positivo, e 0 positivo e negativo, que son os grupos que presentan as reservas máis baixas.
E malia que os redondeláns son xenerosos á hora de acudir a estes chamamentos o noso concello está seis puntos por baixo do recomendado pola Organización Mundial da Saúde en canto ás taxas de doazón, que ascendería a 40 por cada 1.000 habitantes. A día de hoxe a cifra en Redondela está en torno a 34 “o reto é achegármonos ás recomendacións da OMS”.
Desprazamentos
Mércores 11: Alameda de Chapela de 15:30 a 21:00 horas
Luns 16: Arcade Praza de Abastos 10:00 a 14:30 e de 16:30 a 21:00 horas
Venres 20: Redondela 10:00 a 14:30 e de 16:30 a 21:00 horas
Sábado 21: Redondela 10:00 a 15:00 horas