A curta documental da cineasta redondelá Diana Toucedo vén de recibir o premio a mellor curta de non ficción na XIX edición do festival de Cans que baixaba o pano o sábado coa entrega de premios. Un traballo rodado hai dous anos na enseada de San Simón con mariscadoras e mariñeiros da Confraría de Redondela que é un recoñecemento ao traballo de todas as persoas do sector.
Diana Toucedo, redondelá residente en Barcelona e directora da premiada longametraxe Trinta Lumes, conseguiu o premio para a súa curtametraxe Tatuado nos ollos levamos o Pouso. Esta curta, que retrata o traballo das mariscadoras de Cesantes, foi valorada “pola cadencia das imaxes e o ritmo que imprime o deseño sonoro, aportando unha visión singular e poética sobre o traballo das mariscadoras”.
Un premio que foi acollido tamén con especial alegría na propia confraría quen quixeron agradecer ao xurado por este recoñecemento “a toda a equipa do festival, e por suposto a toda equipa que fixo posible esta curta”.
O Festival de Cans premiou tamén o título Rompente de Eloy Domínguez, en ficción e As pétalas murmuran, de Arantxa Ramos, en Novas Camadas.