Os seis libros, nos que se fai un percorrido pola historia, patrimonio e natureza das parroquias de Cabeiro, Cesantes, Negros, Reboreda, Trasmañó e Ventosela están xa a disposición de todas as persoas interesadas na páxina web do concello. Logo de que se esgotaran os 1.500 libros impresos en papel de cada un dos títulos, dende o servizo de Normalización Lingüística decidiron poñer en marcha esta iniciativa que permite chegar a estas publicacións en formato dixital.A web do Concello ofrece a posibilidade de descargar, de xeito totalmente gratuíto, os libros editados polo Servizo de Normalización Lingüística e nos que se recolle información sobre a historia e patrimonio das parroquias do municipio.
A alcaldesa e concelleira de Normalización Lingüística, Digna Rivas, salientou “a extraordinaria acollida” que tiveron os seis libros editados ata o momento e que percorren as parroquias de Cabeiro, Cesantes, Negros, Reboreda, Trasmañó e Ventosela, exemplares que agora “veciñas e veciños poderán descargar, gratuitamente en formato PDF dende a web do Concello”.
De cada exemplar editáronse preto de 1500 libros o que significa que “que a lectura en galego arredor do patrimonio local chegou a moitas casas”, declara Rivas quen engadiu que o Concello “prepara unha campaña de promoción destes libros para as vindeiras semanas”.
Finalmente, o SNL adianta a próxima aparición de tres novos títulos: Cedeira, Saxamonde e Vilar de Infesta, exemplares que, como os anteriores, contarán con cubertas pintadas polo artista local Ángel Barros.