A Danza das Espadas nos últimos anos –e décadas- tan só contou entre so seus integrantes con danzantes masculinos, encargados de realizar un baile que, xunto coas Burras e As Penlas, supón un dos maiores atractivos da Festa da Coca. Unha actividade que, seguindo a tradición, non ten experimentado cambios salientables nos últimos anos máis aló dalgunhas novidades no seu vestiario. Con todo, este ano será importante porque se reincorpora a esta danza unha muller, quen nas últimas semanas está a ensaiar co resto dos compañeiros todas esas figuras que poderemos ver o vindeiro día 16 de xuño na praza da Constitución.
Un avance en igualdade e así o entenden as Burras, quen aplauden esta cambio que supón ir cos tempos “as tradicións están para cumprilas pero tamén hai que innovar. Que vaia unha nena entre os danzantes fainos moitisima ilusión”.
O certo é que a Danza das Espadas ata o de agora estaba integrada por mozos que representan a eses mariñeiros que, segundo a lenda, lograban derrotar a Coca. Tan só nos anos sesenta, a falta de acordo económico entre os danzantes e o Concello faría que os membros do grupo Coros y Danzas de Redondela asumirán este baile, sendo a primeira vez na historia no que houbo mulleres entre os mozos da danza.
Segundo se recolle no Anecdotario Redondelán sería en 1978 cando o alcalde Amado González Cardama decide volver ao baile masculino, sendo organizado pola Orde de Xan Carallás e xa ao ano seguinte organízase a danza propiamente que continuará ata os nosos días con integrantes exclusivamente masculinos.