A ONCE en colaboración co Concello de Redondela estrean o novo deseño do Cupón Diario que sairá este mércores 8 de xuño. O cupón conta con 5 millóns de exemplares e está ilustrado coa imaxe da Coca, o dragón da lenda máis emblemática da vila. A intención é promocionar de forma estatal a Festa da Coca que xa está declara de Interese Turístico de Galicia.
O director da ONCE de Vigo, Roberto Gaspar Conde, decidiu comercializar o Cupón coa Coca como protagonista coa intención de promocionar unha das festas máis importantes que se celebran entre os Concellos limítrofes con Vigo. Terá unha tirada de 5 millóns de exemplares que se repartirá entre os máis de 20.000 vendedores e vendedoras que teñen dispostos por todo o país.
Entre as festas galegas que xa saíron no cupón atópanse a Festa do Polbo de O Carballiño ou a Festa da Arribada de Baiona. A proximidade da data da Festa da Coca coa saída do cupón foi o que fixo que este ano decidiran apostar pola promoción da celebración máis importante de Redondela. Este ano celébrase do 15 ao 19 de xuño e o cupón saíra o mércores 8 de xuño.
A alcaldesa Digna Rivas agradece esta iniciativa e considera que o Dragón da Coca que ilustra o cupón honra a nosa tradición. Rivas considera que esta colaboración dalle recoñecemento a festa redondelá a nivel estatal, algo que serve para que xente de todas partes de España coñezan a vila, a lenda ou incluso se animen a participar nela.
O Cupón Diario da ONCE pon en xogo un premio de medio millón de euros ao número máis a serie, e 49 premios de 35 000 euros. A maiores haberá premios de menor cuantía segundo o número de cifras premiadas. Por exemplo, 450 premios de 250 euros ás catro primeiras cifras.
A Festa da Coca de Redondela celébrase do 15 ao 19 de xuño e reunirá a varias decenas de miles de persoas na vila. Despois de dous anos de restricións pola pandemia, a celebración volve con toda a súa forza e tradición.