Coa chegada das vacacións o CCD Cesantes-Rodavigo abre o prazo de inscrición para a súa escola de verán. O campamento realizaranse do 4 de xullo ao 31 de agosto, coa novidade de incluír actividades de ocio e manualidades que van máis alá do mundo do remo. Poden inscribirse rapaces e rapazas entre 9 e 16 anos sen necesidade de ter experiencia previa no deporte.
Dende a organización, Iván Silva, sinala que esta escola supón unha alternativa para as familias no período de vacacións escolar dos rapaces, xa que este ano se amplía de luns a xoves de 9:30 a 13:30. Trátase dunha iniciativa que entende como un momento de diversión para os nenos e nenas, pero tamén serve para conseguir nova canteira para o club. Iván asegura que “unha vez que probas este deporte, engancha e queres seguir adestrando”.
En canto as medidas de seguridade impostas pola pandemia, o profesor engade que “este ano haberá moitas menos restricións, pero seguiremos mantendo as normas de hixiene nos interiores e sobre todo no coidado do material”. Ademais, poderanse facer grupos máis grandes e actividades que impliquen máis proximidade entre os rapaces e as rapazas.
A Escola de Verán é un bo xeito de dar a coñecer o remo entre os máis novos e achegarse ás actividades náuticas. Contarán con 4 profesores do club encargados de ensinar técnica e un monitor que axudará a animar as actividades e se encargará de facer xogos e manualidades moi diversas e educativas.
Para aqueles pais que pensen que o remo é un deporte de risco, Iván anima a que proben xa que considera que hai moitos prexuízos e ideas erróneas sobre as lesións que pode provocar. “O remo non un deporte máis perigoso que o fútbol ou o balonmán que son deportes de contacto directo”, explica o remeiro.
A inscrición pode facerse a través do número de teléfono 640 60 92 93 ou a través do mail ccdcesantes@gmail.com. A escola ten un custo de 100 euros o mes e o prazo de inscrición estará aberto ata completar prazas.