Despois de dous anos de ausencia pola pandemia volve o Mundialito da Xunqueira que se celebrará do 4 ao 24 de xullo. Nesta 46º edición o evento bate récords de participación con máis de 300 xogadores repartidos en 20 equipos da categoría sénior e 9 de cadete.
Para Álvaro Gil, coordinador e directivo do Redondela FS, o campionato non é un torneo tradicional xa que se xuntan deportistas de fútbol e fútbol sala por igual. A intención é que os xogadores de toda a comarca se divirtan e participen nun ambiente familiar e amigable.
O torneo comeza o luns día 4 e durante 20 xornadas seguidas disputaranse 6 partidos ao día. Ás 19h da tarde comezan os cadetes e seguen os sénior ata ás 22h da noite. Un horario perfecto para os amantes deste deporte que poden compaxinar o evento coa Praia os días de máis calor do verán.
Este ano non haberá presenza de xogadoras femininas, algo que a club gustaríalle que cambiase no futuro. “Intentamos promocionar a participación dos equipos femininos ou mixtos, pero nos últimos 10 anos non se presentaron suficientes”.
Haberá un premio en metálico de 300 euros para o campión dos equipos sénior e un premio de 150 euros para o subcampión. Ademais repartiranse trofeos nas dúas categorías.
Gil espera que este regreso do Mundialito da Xunqueira teña tanto éxito como o resto de anos e anima a xente a participar como espectadores dun evento que considera “todo un espectáculo dentro do mundo do fútbol”.