Un condutor veciño do Porriño, de 60 anos de idade, foi denunciado na madrugada de hoxe tras percorrer a N-550 entre O Porriño e Redondela cunha taxa de alcohol que cuadriplicaba o permitido ao volante. A Policía Local procedeu a súa denuncia como autor dun delito contra a seguridade vial.
Os feitos producíanse nesta medianoite tras recibir unha alerta o 061 sobre un condutor que circulaba de xeito errático en dirección Redondela. Avisada a policía local procederon a localizar o vehículo que entrou no casco urbano percorrendo as rúas Pai Crespo e Alfonso XII e accedendo a rúa Adro onde foi finalmente detido. O condutor, segundo explican os axentes, presentaba evidentes signos de embriguez tendo dificultade tanto para atopar a documentación como para saír do vehículo polo que se procedeu a realizarlle as pertinentes probas deixando un resultado positivo 1,05 de aire expirado.
Conato de incendio
Por outra banda, os axentes interviron tamén nun pequeno conato de incendio na rúa Prata. Un veciño da zona alertaba da presenza de fume nun inmoble actualmente deshabitado e no que se están a realizar obras. Os axentes desprazáronse ao lugar e alertaron aos veciños lindantes, malia que finalmente todo quedou nun susto. O pequeno lume estaría orixinado nun cortocircuito. Persoal do GES de Mos foi o encargado de sufocar este incendio.