Logo da denuncia realizada pola ANPA do IES Mendiño polo recorte de profesorado para o próximo curso, a Federación de ANPAS amosou o seu apoio ás reivindicacións das familias e dirección do centro. Consideran que a redución de docentes é “brutal” por parte da Consellaría de Educación, con 4 mestres menos “o que supón un 10% menos de profesionais nun cadro docente xa baixo mínimos”. O presidente da Federación de Anpas, Francisco Álvarez, entende que esta medida non ten xustificación porque o as necesidades de persoal “non teñen diminuído nesta porcentaxe”. O instituto pasará de 42 a 38 profesores “o que terá consecuencias directas na calidade e oferta educativa”. Denuncian que o recorte fará aumentar a ratio por aula “até niveis que se prevén máis masificados que no tempo antes da pandemia”. O máis grave para Álvarez é que “se dificulta de forma extrema a atención á diversidade e o ensino individualizado”. A situación agrávase logo de dous cursos marcados pola pandemia “cun aumento dos alumnos que teñen problemas relacionadas coa saúde mental”.
O recorte de profesorado pon en risco a formación de grupos de desdobre nos cursos de 1º e 2º da ESO, e tamén a posibilidade de ofertar materias optativas para o alumnado. A Federación de ANPAS de Redondela lamenta que, polo de agora, desde a Consellaría de Educación non tiveron ningunha resposta ás súas demandas, e lamentan que os responsables do sistema educativo en Galicia “non conte coas familias para ningunha das súas decisións, negando calquera diálogo”. Por iso o seu presidente advirte que, de non acadar unha solución, emprenderán mobilizacións no próximo mes de setembro
A Federación apoia e apoiará todas as accións e mobilizacións que propoña a súa asociada ANPA do IES Mendiño co obxectivo evitar o recorte de cadro de persoal docente.