O principal partido da oposición en Redondela critica ao goberno local pola “falta de previsión” nas obras da Praza de Ponteareas, que xeran “un caos de tráfico ante a falta de vías alternativas.”
Os populares temen que se vaia crear “unh novo funil” para a circulación tras a decisión do goberno local de que o tráfico conte cun dobre carril na Praza de Ponteareas “onde hai meses se vive un intolerable caos de tráfico”. Iván Crespo, voceiro do grupo municipal do PP, culpa desta situación á “improvisación” do executivo de Digna Rivas. Crespo sinala que a alcaldesa “lanzouse a realizar unhas obras que teñen impacto na circulación sen contar cunha mínima planificación, sen informar os cidadáns e sen trazar rutas alternativas para evitar os atascos”. Afirma que cortar ao tráfico a Praza de Ponteareas o pasado martes e mércores para o asfaltado ao tempo que se facían labores de mantemento baixo o scalextric “debería terse evitado para non crear máis embotellamentos e molestias”.
A esta circunstancia súmanse as obras noutros puntos do noso concello ” sen ofrecer rutas alternativas, con sinalización escasa ou de difícil comprensión”, indica Crespo. O portavoz municipal do PP refírese ás obras na baixada á Picota, o Salgueiral e os cortes da Avenida de Santa Mariña, durante unha semana.
Un novo funil na Praza de Ponteareas
Os populares manifestan tamén “a preocupación dos veciños e condutores que transitan pola Praza de Ponteareas de que a zona se transforme nun novo funil de Redondela”.O PP lamenta a decisión do goberno local de adoptar o dobre carril sen trazar vías alternativas para o tráfico pesado. Crespo critica que a Rivas lle preocúpelle máis “realizar o maior número de obras antes das eleccións municipais, que o feito cubrir as necesidades reais dos redondeláns para o desenvolvemento económico do municipio, aliviando e facilitando a circulación”.