As augas de Orzán, na Coruña, acolleron esta pasada fin de semana o peche da Liga Galega de Traiñeiras. Na categoría feminina, o C.R. Chapela foi o rotundo vencedor na regata disputada o sábado, con máis de 40 segundos sobre Mugardos Cabana e Cabo da Cruz, que acabaron en segunda e terceira praza respectivamente. Pero as de Cabo chegaban a esta última cita con moitos puntos de vantaxe e, malia que as redondeláns recortaron distancias, impuxéronse na xeral con 94 puntos, tres máis que Chapela-Wofco. As campioas da liga Feminina tamén acadaron o domingo a III Bandeira Teresa Herrera Feminina. Detrás, a máis de medio minuto, Chapela-Wofco e logo Cabana Ferrol, Rianxo e Tirán-Pereira.
Bandeira Feminina Teresa Herrera: 1.- Cabo Cruz, 23.19:10; 2.- Chapela-Wofco, 23.53:52; 3.- Cabana-Mugardos, 24.20:83; 4.- Rianxo, 24.48:72.
Liga Galega Traiñeiras A
Tamén se librou o sábado na enseada do Orzán a última batalla polo título da liga A entre Samertolaméu e Bueu, que finalmente foi para os de Meira por tan só tres segundos de diferenza. Despois dos cambios na xeral que provocou a Bandeira Concello de Redondela, Samertolaméu chegaba líder ás clasificatorias do Trofeo Teresa Herrera. Bueu tiña aínda moitas opción logo duna temporada na que dominou de forma clara. Gañaría o título o máis rápido en augas coruñesas, e eses foron os de Moaña ao imporse por tres segundos de vantaxe sobre Bueu. En terceiro lugar clasificouse Tirán, pero xa lonxe e sen opcións. Samertolaméu prolongou as celebracións ao domingo, ao facerse tamén coa Bandeira Terresa Herrera.
A temporada non rematou, porque quedan aínda regatas importantes para os dous equipos, como o play-off para a ACT, a liga das estrelas, ou a Bandeira da Concha.
O barco de Chapela-Wofco foi o quinto clasificado, por detrás de Samertolaméu-Oversea, Bueu-Teccarsa, Tirán-Pereira e Mecos. Cesantes-Rodavigo foi 10º.