Desde o club de Fútbol Sala Redondela fan un chamamento á rapazada para que se achegue a esta disciplina deportiva. A piques de comenzar a campaña 2022-23 a pretemporada xa está en marcha. Teñen aínda prazas dispoñibles nas categorías de Cadete, que milita na División de Honra, e tamén na Infantil e Alevín de Liga Galega, ademais de participar nas ligas locais. Fran Iglesias, da directiva do club, anima aos máis novos a participar nalgún adestramento e probar, coa filosofía de que “cantos máis, mellor”. Afirma que precisamente os equipos da base son “a fortaleza” deste club.
Logo do ascenso acadado a pasada temporada polo equipo sénior, o club militará este ano na Terceira División. O campión da liga, o SD Pazos, acompañaraos tamén na categoría nacional. Os pavillóns de Redondela e Pazos volverán vivir interesantes derbis entre os dous combinados veciños, pero nesta ocasión nunha categoría moito máis esixente. A situación dos equipos da comarca é unha mostra “da excelente saúde do fútbol sala en Redondela”, sinala Iglesias. O feito de que tamén equipos como Campito e Arealonga estean a bo nivel é bo para este deporte en xeral “serve para volver conectar coa base e co público, que volve encher os pavillóns para ver os partidos” afirma o directivo.
A próxima cita do club será na Copa Galicia. O domingo reciben ao Leis Pontevedra.