Desde o sector manifestan a súa preocupación pola alta mortaldade dos moluscos debido á meteoroloxía cambiante e o ascenso da temperatura da auga. Non se trata dun problema exclusivo da ría de Vigo, senón que se está a dar en toda a costa galega.
Nuria Novelle, presidenta das mariscadoras de Redondela, explica que na agrupación teñen que facer fronte a varios problemas, especialmente a elevada mortaldade tanto do produto para comercializar como da cría. O cambio climático é un dos responsables desta situación, debido ao incremento de temperatura da auga. Tamén a ausencia de vento e de mar de fondo prexudica á ameixa e ao berberecho, xa que non hai renovación das augas na Enseada de San Simón.
A situación repítese noutras rías de Galicia. Por iso solicitan á Consellería do Mar que cumpra o seu compromiso e poña en marcha un proxecto de investigación sobre o terreo para analizar os problemas do sector e darlle solucións.
A contaminación e o deterioro do solo tamén afecta á cría dos bivalvos, no só á que produce de xeito natural o marisco senón tamén á que a agrupación merca e sementa. Un grave problema para moitas familias de Redondela e de toda a costa galega, xa que moitos deles viven exclusivamente do mar.
As perdas do ano 2021 no sector galego ascenderon ao dez millóns de euros e prevese que este 2022 a cantidade siga aumentando. As riadas, as altas temperaturas, o quecemento da auga e as pragas de algas están detrás deste desastre.