Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Emprendemento feminino e innovación na escola María Vinyals en Soutomaior

emprendemento

Sacar á luz o camiño que están a abrir as mulleres referentes nos eidos da innovación tecnolóxica, o emprendemento e a transformación dixital fronte ás desigualdades que seguen a marcar estes ámbitos foi o obxectivo da nova xornada promovida no marco da Axenda 2030 pola Deputación de Pontevedra e a Cátedra Iberoamericana da USC, celebrado no marco da Escola de Igualdade María Vinyals no Castelo de Soutomaior.

A nova cita da Escola, que tivo como broche final a participación da referente en Intelixencia Artificial Amparo Alonso, congregou no Castelo a máis dun cento de persoas, entre elas alumnado e docentes do IES Luis Seoane de Pontevedra, centro referente en igualdade.

Na súa intervención a presidenta da deputación, Carmela Silva incidiu en que se non se cumpre o transversal ODS número 5 da igualdade non se poderá cumprir “ningún outro”. Lembrou neste senso que os datos sobre a presencia das mulleres en eidos como as novas tecnoloxías seguen a ser “intolerables”, e puxo como exemplo o descenso das matriculacións de mozas nas carreiras STEAM”.

Pola súa parte, María Cadaval, directora da Cátedra Iberoamericana, subliñou que “a sociedade ten que darse conta de que sen o ODS 5 non se pode avanzar” e indicou que con actividades como a desenvolvida no Castelo “amosamos que ese liderado das mulleres en todos os eidos que busca este obxectivo 5 é unha realidade, pero unha realidade agochada”. Pola súa banda, a directora do evento, María Xosé Rodríguez-Galdo lembrou que as mulleres “levamos a innovación nos xenes, porque hai algo realmente innovador que son as amas de casa; se miramos cara atrás, sempre foi un traballo tremendamente innovador”.

“Innovación tecnolóxica e xénero” foi o tema central da primeira das mesas de debate, que coordinou a experta en transformación dixital no sector público Mar Rodríguez, mentres que a segunda das mesas puxo de relevo distintas experiencias no “Emprendemento feminino e a innovación no sector primario”. Pola tarde, a xornada continuou coas aportacións realizadas por tres mulleres emprendedoras que iniciaron os seus proxectos aliñadas coa universidade. Catalina Fernández de Ana, directora xeral de Hifas da Terra; Diana Lameiro, directora do Centro Lingoreta e Vanesa Redondo, promotora de Proplantaee, amosaron a súa experiencia profesional neste eido.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará