A deputada nacionalista Alexandra Fernández advertiu no Parlamento galego da “situación crítica” do sector do marisqueo a pé na enseada de San Simón, que afecta ás confrarías de Redondela, Arcade e Vilaboa, e urxiu á Xunta a tomar medidas inmediatas que permita reverter unha situación que cualificou de “límite”.
Lembrou que no período 2009-2019 (último ano válido para observar a serie histórica xa que os anos 2020 3 2021 foron pandémicos), os descensos porcentuais nas descargas por especie situáronse en caídas do 68,23% no caso da ameixa babosa; do 76,32% no da ameixa fina; do 28,54% na ameixa xaponesa; do 39,66% no longueirón vello e mesmo do 99,99% no berberecho.
Ante a evidencia das cifras, a deputada nacionalista apelou á “mensaxe de alerta e de auxilio ante unha situación límite” que están lanzando as mariscadoras das distintas confrarías do fondo da ría de Vigo para reclamar ao Goberno galego que actúe.
Advertiu tamén das verteduras continuas na ría -que exemplificou en empresas como AUCOSA e da que dixo “leva anos de impunidade co beneplácito do PP”- e a falta de protección e control ambiental por parte do Executivo galego sobre unha zona declarada ademais Rede Natura 2000. De igual xeito, apuntou tamén ao impacto de depuradoras e á instalación de peiraos e escolleras que, como no caso do peirao do porto de Cesantes, afectan e modifican as correntes mariñas.
Instou ao Goberno do PP a asumir as súas responsabilidades e propuxo unha actuación articulada sobre tres eixos de actuación: diagnose, propostas e compromisos.
No primeiro dos eixos, defendeu a elaboración dun estudo pormenorizado que investigue e determine as causas desta baixada na produtividade no que a Xunta coordine a participación dun grupo multidisciplinar de expertos e expertas e da universidade pública.
En segundo lugar, propuxo o deseño e implementación dun Plan de actuación para mellorar a produtividade e a calidade ambiental da enseada de San Simón, definindo obxectivos, medidas e técnicas concretas que se deben adoptar por parte dos distintos axentes para reverter a situación. E, por último, avogou por impulsar con recursos públicos os programas, medidas e asesoramento ás confrarías que permitan desenvolver e dar cumprimento ao plan de actuación. Malia os argumentos e propostas concretas defendidas por Fernández, a iniciativa nacionalista non prosperou polo veto do PP.