Dende hoxe martes están xa a disposición do público as 840 entradas para as visitas do público familiar e as do público adulto que se desenvolverán a partir do 1 de outubro.
Despois do seu éxito da súa estrea no pasado 2021, a Deputación volve ofrecer por Samaín as visitas teatralizadas ao Castelo de Soutomaior, uns percorridos cargados de misterio e humor para coñecer o lado máis terrorífico e divertido da historia da fortaleza que ofrecen un total de 840 prazas. As entradas para estas visitas, que inclúen 20 sesións para público familiar e 8 para público adulto, estarán dispoñibles a partir deste martes 27 de setembro na web www.castelodesoutomaior.com ao prezo de 8 euros.
Os percorridos, dunha hora de duración, arrancarán o día 1 de outubro coas primeiras visitas teatralizadas para público familiar. Nestas sesións, a participación das familias será esencial para descifrar os enigmas do Castelo e coñecer dunha maneira amena e terrorífica o pasado de Soutomaior. Terán como protagonistas aos científicos Von Furenberg e Irina Calselberg, xunto ás autómatas Brunilda Kartoffel e Vettel Zanfonike, nunha delirante historia ambientada no principio do século XX e cunha estética steampunk. Despois desa xornada, as sesións desenvolveranse despois os días 2, 8, 9, 15, 16, 22, 23, 29 e 30 de outubro, coa posibilidade de elixir dous horarios por xornada, ás 12 e as 16.30 horas.
No caso das visitas teatralizadas dirixidas ao público adulto, comezan o 7 de outubro, e estenderanse ata o día 29 do vindeiro mes. No percorrido, os e as participantes poderán coñecer a historia do Castelo dunha forma “terrorificamente diferente”, acompañados de dous peculiares guías, Félix e Angustias, que iniciarán unha visita normal para amosar a historia do Castelo, aínda que acabará sendo diferente. Ao longo do percorrido, espéranlles sucesos paranormais sen solución e, para poder saír da fortaleza, necesitarán pasar unha serie de probas non aptas para xente con medo. No caso destas visitas para público adulto, despois do día 7 haberá sesións o 8, 14, 15, 21, 22, 28 e 29 de outubro, e terán lugar ás 19.30h