As persoas usuarias de Lenda visibilizan na rúa os problemas de saúde mental
A Asociación Lenda convoca á veciñanza a un acto que terá lugar o luns día 10 na praza Alejandro Otero co gallo da celebración do Día Mundial da Saúde Mental. Os usuarios do centro presentarán o número 42 da súa revista A Voz de Lenda e convidarán ás persoas asistentes a un café con rosca. Nesta edición poñerase o foco nos trastornos mentais que afectan á infancia e á adolenciencia, unha materia pendente a nivel sanitario, social e educativo.
No acto, que arrancará ás 11:30 horas, lerase o manifesto realizado polo Comité Pro Saúde Mental En Primeira Persoa e a Rede Estatal de Mulleres. Este ano o tema central é a mocidade “a metade dos trastornos mentais presentan síntomas antes dos 14 anos, e tres cuartos deles comezan antes dos 24”.
Segundo a OMS, unha de cada sete persoas mozas de 10 a 19 anos ten algún problema de saúde mental en todo o mundo, a pandemia agravou problemas existentes aos que non se lles prestou a atención necesaria, a vez que foi causante de novos problemas, provocando un aumento do 47% nos trastornos de saúde mental en menores de idade.
A falta de recursos, tanto económicos como humanos, fai que a atención á saúde mental sexa moi insuficiente nun contexto no que os problemas desta índole da poboación infanto-xuvenil están a aumentar. O custo da inacción é elevado debido ás súas repercusións en termos de vidas humanas e para os efectos que ten sobre as familias, as comunidades e a economía. O suicidio, por exemplo, supón un problema real entre a poboación moza; segundo un informe de Save the Children, o 3% dos e das menores tivo pensamentos suicidas no 2021.