O adestrador do Pazos, Fran Amoedo, no centro da imaxe de vermello co seu equipo
A cita será mañá no municipal de Pazos ante o IES Coruxo, todo un Segunda B. Amoedo confía nas opcións do seu equipo para pasar a cuartos co apoio da súa afección.
Logo dunha gran vitoria ante o Beade que os coloca segundos na táboa de Terceira, o Pazos non dispón de moito tempo para as celebracións. Mañá mércores celebran o segundo dos tres partidos que disputan en sete días, e será coa terceira ronda da Copa Galicia de Fútbol Sala. Os de Fran Amoedo reciben a visita de todo un Segunda B como o IES Coruxo, un equipo “moi intenso e coas ideas moi claras”. O míster augura “un partido moi disputado e táctico no que o Pazos terá as súas opcións”. Advirte que pelexarán por facerse un oco entre os oito mellores de Galicia.
Para asumir este gran reto contará co apoio de toda a súa afección, que de seguro deixará unha gran afluencia no pavillón municipal de Pazos. A ilusión dos seareiros xa se está a notar esta semana nos adestramentos, aos que acoden os xogadores da base para animar ao primeiro equipo e mesmo pedirlle autógrafos.
O partido será ás 18.30 horas, e desde o club recomendan ao público chegar con antelación para evitar colas.