Emocionante xornada a vivida onte no Pavillón Municipal de Pazos, ateigado de público. Os seareiros do SD Pazos puideron gozar dun espectacular partido entre o equipo local e todo un Segunda B, o Ganomagoga IES Coruxo FS. Encontro de gran nivel con moita emoción e tensión ata o ultimo segundo. A primeira parte foi moi táctica, os dous equipos coñécense á perfección e estiveron a medirse en todo momento. Chegouse ao descanso cun único gol, o anotado por Mariete para o Pazos FS. Na segunda parte xa houbo máis ocasións , o Coruxo dispuxo de opcións claras para empatar que foron desbaratadas por gran Lolo baixo os paus. Tamén os de Fran Amoedo tiveron ocasións, e erraron nalgún man a man cun tamén inspirado Adán. Nos últimos minutos tocoulles sufrir aos de Pazos defendendo o resultado a favor. Pero a falta de 5 segundos Jonás puxo o 2-0 no electrónico, o que desatou o xúbilo nas gradas abarrotadas de público. O resultado coloca ao SD Pazos entre os 8 mellores equipos de Galicia .
Desde o club destacan o ambiente “espectacular” e comuñón “total” entre equipo e público, cos máis pequenos das bases do SD Pazos animando sen descanso ao primeiro equipo e garantindo o relevo xeracional do club. Sen demasiado tempo para as celebracións, o Pazos FS regresa hoxe ao traballo para preparar o encontro deste sábado co Redondela Maramar FS ás 20.00 horas no Pavillón da Marisma. Unha festa do fútbol sala para os afeccionados cun derbi local en Terceira División.