As responsables da biblioteca de Soutomaior xunto ao alcalde, Agustín Reguera recibiron onte da man do director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo o Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2022 no marco da 4ª Xornada de Bibliotecas Públicas, celebrada no Gaiás.
O proxecto premiado leva por nome Bibliofogar e consistiu na posta en marcha dunha furgoneta para achegar o servizo aos veciños, coa entrega de libros a domicilio e a implicación de distintas asociación e centros sociais. Unha iniciativa que foi valorada “pola súa vontade de innovación á hora de aplicar novas formas de achegarse aos usuarios, especialmente aos máis maiores”.
Coincidindo co Día das Bibliotecas, a Xunta de Galicia entregou estes premios no marco do foro de encontro e debate no que participaron, no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, máis de 100 persoas. Baixo o título A biblioteca pública, unha personalidade creativa, a xornada centrou a ollada na creatividade para que os profesionais da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia compartan experiencias e proxectos orientados a propiciar a actividade creadora entre o público infantil e adulto. Ademais, puxéronse en común recursos creativos para a xeración de contidos e a difusión
das oportunidades que ofrece a biblioteca, abrindo novas ventás para a atracción e a participación dos usuarios e usuarias.
Ademais da de Soutomaior tamén foi premiada a Biblioteca de Porriño pola iniciativa Acompañando na aventura de crecer: xornadas para familias e profesionais que consistiu nunhas xornadas de conferencias arredor da crianza co apoio de profesionais de centro educativos locais, entre outros.