O venres 14 de outubro entraron a roubar nas instalacións deportivas do CD Soutomaior. Accederon ao local social provocando danos na porta e na xanela, logrando subtraer o equipo de megafonía, o equipo informático e material deportivo dos xogadores base.
O adestrador do equipo sénior e coordinador da base, Jaime Calvar, sospeita que a localización do campo deportivo foi clave na decisión dos ladróns, xa que este atópase afastado da poboación.
Tentaron entrar na cantina, na rega e nos vestiarios causando desfeitas pero sen conseguir acceder. Por sorte, as instalación necesarias para os adestramentos e partidos non sufriron danos. A canteira do CD Soutomaior poden continuar coa tempada, pero sofren carencias importantes como o equipo de son e informático, necesarios para a loxística.
Este tipo de asociacións deportivas depende dos socios e dos patrocinadores para conseguir os recursos necesarios e impulsar os equipos. Este foi un golpe duro que afecta a calidade dos adestramentos e partidos, polo que dende o club móstranse abertos a calquera tipo de axuda para saldar as perdidas.
A denuncia pertinente foi presentada polo presidente, pero segue sen haber información sobre os responsables. Mentres, o CD Soutomaior mantense con positividade e continúa co calendario habitual co obxectivo de manter a estabilidade. Este domingo xogarán contra a SD Campañó ás 17 horas da tarde no campo de fútbol de Soutomaior.