Estado actual da rampla que da acceso a parcela
A Agrupación de Electores de Redondela denuncia que un erro cometido polo Concello na compra da parcela de Vilavella pon en risco a viabilidade do proxecto. Aseguran que a rampla de acceso a esa parcela e que non foi adquirida polo ente municipal, “é crucial para a correcta circulación dos vehículos no aparcadoiro”.
AER explica que na compraventa da parcela de Vilavella cometeuse un “grave erro” ao non incluir nesta operación a rampla de acceso posterior desde a rúa do Muro. A compra realizada aos antigos donos da propiedade incluía só o edificio de oficinas, a nave e a parcela pero non a devantida rampla. Isto pon en risco todo o proxecto do aparcadoiro, que estaba concibido con sentido único: entrada de vehículos dende a praza de Ponteareas e saída pola rúa do Muro.
“Estamos a falar dun investimento de 449.000 euros na compra da propiedade e parece ser que, a pesar da importancia dese importe, ninguén no Concello parece que verificou o que se estaba a comprar exactamente”, insisten desde a Agrupación.
Segundo constatan dende AER “a gravidade do asunto, ademais de por en risco unha importante cantidade de recursos económicos, supón xa a demora do mesmo co conseguinte prexuízo económico”. Ademais, en caso de non chegar a un acordo cos actuais propietarios da rampla, “o proxecto resultante vai ser moito peor que o orixinal xa que a entrada e saída dos vehículos serían polo mesmo lugar, a praza de Ponteareas, co conseguinte problema de seguridade viaria que isto conlevaría”.
AER quere lembrar tamén que o proxecto de Vilavella foi un dos puntos chaves para chegar a un acordo para apoiar a aprobación dos orzamentos de Redondela. De feito, o goberno modificou no seu momento o proxecto inicial adaptándoo aos criterios da Agrupación para incluír zonas verdes e facer un proxecto máis sustentable. “Agora, todo isto está en suspenso pola ineptitude do goberno”, conclúen desde AER.