A Axencia de doazón convida á cidadanía a doar sangue este xoves e venres na Unidade Móbil que se despraza a Chapela e que estará instalada ao carón do Instituto da parroquia o xoves en horario de mañá e tarde e o venres de 10:00 a 14:30 horas.
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), realiza un chamamento xeneralizado á participación da poboación galega na doazón de sangue e, de maneira especial, aos doantes dos grupos máis frecuentes, o 0 Positivo e A positivo e 0 Negativo que é o doante universal.
As reservas destes tres grupos sanguíneos presentan niveis baixos, polo que é preciso reforzar o permanente chamamento á participación nas campañas de doazón que realiza a Consellería de Sanidade por mediación de ADOS. Cómpre lembrar que os centros sanitarios de Galicia necesitan entre 400 e 500 diarias para desenvolver de maneira eficaz as súas tarefas sanitarias.
Redondela presenta unha taxa de doazón de 34 por cada mil habitantes o que fai que non se chegue ás 40 que recomenda a OMS pero que é “unha cifra que non está mal tendo en conta que se trata dun concello con moitos habitantes” segundo explica o xefe de xestións de colectas, José Mª Vázquez.