A alcaldesa Digna Rivas, reuniuse co Subdirector Xeral de Patrimonio do Estado, Bernardino Pérez Crespo, coa intención de retomar o proxecto de rehabilitación do Viaduto de Madrid, unha estrutura ferroviaria de finais do século XIX que deixou de utilizarse hai 50 anos. O obxectivo é transformalo en peonil e facer un mirador.
Un proxecto que se remonta ao ano 2004 cando o puxera sobre a mesa o exalcalde Xaime Rei e que case dúas décadas despois comeza a dar os seus primeiros pasos. Así, o concello de Redondela remitirá a Patrimonio un oficio solicitando o estudo de viabilidade, co que se valorará o estado da infraestrutura así como o valor económico da mesma.
Aproveitou a alcaldesa para criticar ao PP quen “baixo o mandato de Javier Bas presentara en 2012 a remodelación do viaduto como un dos proxectos eixe da súa campaña, unha iniciativa que non foran máis que palabras sen fundamento, xa que non existe rexistro de ningún expediente aberto, nin ningún informe ou estudo sobre a posta en funcionamento da obra”. Denuncia tamén que a comezos de novembro o ex-alcalde Javier Bas, acompañado da deputada popular Ana Pastor, presentaban de forma pública as súas emendas aos orzamentos do estado, “nos que tiveron a desvergoña de mencionar a falta de subvención para o proxecto de peatonalización do viaduto cando tiveron 8 anos de mandato para facelo realidade e nin sequera o intentaron”.
Un intento que aseguran si está a facer o goberno actual. Despois da xa mencionada reunión iniciase o procedemento para facer realidade o proxecto e o concello comprométese a atopar a fórmula de tituralidade compartida da obra co Estado e a Xunta de Galicia. Unha das posibilidades presentadas polo concello durante a xuntanza propón que o estado se faga cargo da conservación das estruturas do viaduto e o concello faríase cargo do mantemento dos accesos e da zona peonil.
Este é un proxecto común da vila, reivindicado por toda a veciñanza e por todos os grupos municipais dende o ano 1987. O viaduto é patrimonio histórico pero tamén un elemento de identidade ou símbolo de Redondela. “Imos loitar para converter en realidade o soño común da vila, pero para cumprilo primeiro é necesario contar cos informes pertinentes e os apoios económicos necesarios”, conclúe a alcaldesa.