A mestra do Centro educativo de Cedeira, Jessica Rodríguez é a responsable desta iniciativa, un xogo de cartas cuxos beneficios irán destinados a Bicos de papel, unha asociación de axuda aos nenos e nenas oncolóxicos do Hospital Alvaro Cunqueiro. O xogo de cartas Cabezas de allo está pensado para rapazada a partir dos 4 anos.
“Cabezas de allo” é o nome que Jessica Rodríguez lle da aos seus alumnos, uns cativos e cativas que foron ademais os encargados de testar este xogo de cartas solidario bautizado da mesma maneira.
A mécanica do xogo é sinxela: o obxectivo é desfacerse da cabeza de allo, eliminando as cartas que están ilustradas ben cun brote, un dente con pel, un dente sen pel e a propia cabeza do allo. Unha vez desfeito ese allo iría a un composteiro que é a caixa que soporta o propio xogo.
Para crear o xogo contou coa axuda dun amigo deseñador gráfico, René Miní, quen se encargou de dar forma a idea que Jessica tiña na cabeza e que deu como resultado este agasallo cuxos beneficios irán destinados a Bicos de papel. Unha asociación que fai un traballo máis que salientable de apoio ás familias de nenos e nenas enfermos de cancro e que ademais, explica Jessica Rodríguez, “están sempre abertos a calquera idea que lle presentes”.
O xogo está a venda dende o pasado 12 de decembro en El Corte Inglés, pero a idea é acadar a colaboración doutras tendas para a súa distribución.