A investigación segue aberta para tentar determinar se os tres homes, de nacionalidade albanesa, que na madrugada do paso venres foron interceptados polos axentes da Policía Local e a Policía Nacional son os autores de diferentes roubos que se veñen denunciando nas últimas datas na nosa bisbarra.
Os feitos producíanse na madrugada do pasado venres durante a realización dun control conxunto entre Policía Local e Nacional realizado na N-550. En torno ás dúas da madrugada dábaselle o alto a un vehículo ocupado por tres varóns aos que se lles interviron varios obxectos, cuxa procedencia non foron quen de xustificar polo que se intúe que posiblemente foran substraídos. Este feito está actualmente baixo investigación policial. Tamén se denunciou un deles por tenza de arma branca e de substancias estupefacientes.
Na xornada anterior os axentes da Policía Local tamén interviron na detención dun varón no Casco Urbano, logo de ser sorprendido cando acababa de intentar roubar nun establecemento. Unhas horas antes o mesmo varón procedera a roubar noutro establecemento próximo, pero nesa ocasión puido fuxir, non tendo a mesma sorte no seu segundo intento.