A iniciativa, organizada da man da Irmandade Xurídica Galega, a Xunta e a Asociación de Funcionariado para a Normalización Lingüística, pretende aumentar o uso da lingua do país nas relacións das administracións locais coa xustiza. Na área de Vigo rubricaron a “Declaración de Pontevedra” os concellos de Redondela, Soutomaior, O Porriño, Mos e Salceda de Caselas.
Trátase dun manifesto no que se comprometen a fomentar o uso do galego nas relacións entre as corporacións locais e a xustiza, establecendo como obxectivo normalizar o galego como lingua do dereito e das relacións e procesos nos que interveñan os concellos, así como o compromiso de que os representantes municipais soliciten á xustiza que as resolucións lles sexan notificadas no idioma da Galiza. No texto tamén se recolle que, de aquí en diante, as contratacións de asesorías xurídicas externas por parte dos concellos deberán incluír unha cláusula para que as actuacións procesuais que se realicen en nome de cada unha das corporacións locais asinantes da ‘Declaración de Pontevedra’ sexan en lingua galega.
No acto, no que tamén se conmemorou o 50 aniversario do I Congreso do Dereito Galego, foron anfitrioas a presidenta da Deputación Carmela Silva e a deputada de Lingua María Ortega, que estiveron acompañadas do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia Valentín García, e do presidente da Irmandade Xurídica Galega, Xaquín Monteagudo, xunto a representantes de 35 concellos. Como relatoras falaron a maxistrada Ana Filgueira Paz, a representante da Irmandade e da FEGAMP Patricia Vilán, a avogada Ana Mosquera, e o responsable da asesoría xurídica do Concello de Pontevedra, Xavier Munaiz, municipio que xa realiza todos os seus trámites xurídicos en galego. Asistiron grande número de maxistradas e maxistrados entre os que se puideron recoñecer Ramón Villares ou Xesús Palmou, entre outros.
A presidenta da Deputación Carmela Silva quixo destacar que o acto pola galeguización xurídica dos concellos “é imprescindible” para falar da situación da lingua, xa que “é o armazón do país e sen ela dificilmente se pode construír un pobo e o seu pensamento”. Subliñou que o galego é “prestixioso por si mesmo” e que “se o usamos nos lugares nos que reside o poder do pobo, o Executivo, o Lexislativo e o Xudicial, trasladámoslle á cidadanía que é unha lingua que hai que defender”.
Na parte da maxistratura, para falar da necesidade dos concellos de normalizar o galego, tomaron a palabra a maxistrada Paz Filgueira, quen salientou que “o galego non é unha lingua minoritaria, senón minorizada” que debe avanzar nas institucións, que segundo dixo “teñen unha débeda histórica”. Salientou que o problema da lingua galega foi a súa caída na diglosia que perpetuou a idea de que a lingua centralista ostentaba un poder superior fronte a un suposto baixo status e tratamento pexorativo para a lingua nacional da Galiza. “Esa diglosia non debe existir. Non hai linguas de primeira e de segunda”, subliñou.