Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”, Miguel Borines e Andrés Giraldez son os tres integrantes desta compañía fundada no ano 1983. Ao longo de 40 anos teñen compatibilizado o seu traballo de titiriteiro con outras actividades artísticas pero sempre “priorizando Tanxarina”. Para conmemorar esta data tan especial nas vindeiras semanas levarán ao Multiúsos as súas obras clásicas arrancando este mesmo domingo día 29 coa obra Titiricircus.
O seu compromiso na elaboración de obras nas que o traballo actoral convive coa manipulación de monicreques ten convertido esta compañía nunha das formacións máis recoñecidas e prestixiosas do teatro de títeres galego, tanto dentro como fora de Galicia.
Cunha longa traxectoria centrada principalmente na produción e distribución de espectáculos dirixidos a público familiar onde se combinas diversas técnicas de animación de bonecos (monicreques de fío, títeres de luva, sombras chinesas…) teñen levado o nome de Redondela por todo o mundo e téñense implicado en iniciativas tan exitosas como o Festival Internacional de Títeres de Redondela, responsables da súa dirección durante doce edicións (dende a súa creación no ano 2000 ata o 2012).
E nada mellor que celebrar este aniversario cun ciclo de teatro que organiza o Concello e que permitirá ver algún dos seus espectáculos máis representativos: Titiricircus (29 xaneiro), As bombas e o xeneral (12 febreiro), Trogloditas (26 marzo) e A galiña Azul (30 abril). Obras que se representarán no Multiúsos ás 18:00 horas cunha entrada a 3 euros e nas que se constata unha evolución no traballo destes titiriteiros.
Xa para setembro teñen previsto tamén inaugurar unha exposición con todo o material que foron acumulando ao longo destas catro décadas e repetirán con A Cazola de Lola, a súa obra máis actual.