Carlos Blanco será o encargado de ler o pregón ás doce do mediodía e a continuación actuarán As Pandereteiras de Ardebullo
O concello de Fornelos celebra este domingo a VII edición da Festa da Chanfaina e carne do Suído. Hai sete anos un grupo de veciños decidían poñer en marcha esta festa gastronómica co obxectivo de dar a coñecer os produtos da zona. Unha celebración que foi todo un éxito e que nesta edición porá a venda 750 racións de chourizo e 1.500 de carne do Suído. Os stands de degustación abriranse ás doce do mediodía e os comensais poderán durante todo a xornada degustar a carne preparada á brasa por cociñeiros profesionais acompañada de patacas, empanada, rosca e filloas. O actor e contador de historias Carlos Blanco será o encargado de ler o pregón e a continuación haberá unha actuación especial das televisivas Mucha e Nucha, máis coñecidas como “As Pandereteiras de Ardebullo”. Haberá asemade música durante toda a tarde que correrá a cargo da Banda de gaitas do municipio e da Coral escola música de Fornelos, así como pasarrúas e concerto da banda de música de Redondela. Un recinto cuberto asegurará unha comida lonxe das inclemencias meteorolóxicas.