O concello de Soutomaior leva anos agardando pola nova depuradora de Arcade. Malia anunciarse no 2019, o proxecto está parado e dende a formación nacionalista temen que pase o prazo para a súa execución e se perdan os 2 millóns de euros dos fondos FEDER. Por ese motivo, o portavoz municipal do BNG de Soutomaior e deputado na cámara galega Manu Lourenzo defenderá este venres no Parlamento de Galiza que se reactiven os trámites para a construción da nova depuradora de Arcade.
Aseguran os nacionalistas que “a pesar de que o alcalde, Agustín Reguera comprometera a súa construción no 2018 e no 2019 se anunciaran os inicios dos trámites, estes levan parados dende hai anos”. Lourenzo manifestou que “a situación que está a sufrir o fondo da ría de Vigo é dramática, co sector marisqueiro nunha situación límite e cun dos maiores sectores produtivos do noso concello, do cal viven centos de familias, en perigo”.
A este respecto, engadiu que “por se isto non fose grave dabondo estamos en risco de volver a perder unha subvención millonaria. Europa comprometeu dous millóns de euros para facer unha nova depuradora en Arcade, pero se non se executa e certifica a obra antes do 30 de Xuño do 2024 este diñeiro vaise perder e con todos os trámites que quedan, semella que imos de cabeza a ese escenario. Levamos anos advertindo disto sen que ninguén mova nin un só dedo para solucionar esta desfeita”.