Hoxe é Domingo 24 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Juan Migueles presenta o libro sobre Cedeira no Centro Cultural da parroquia

juan migueles

O Concello de Redondela editaba recentemente dous novos libros da serie “parroquias de Redondela” dedicados a Saxamonde e Cedeira. Este último, escrito por Juan Migueles, presentarase nun acto este venres 24 ás 20:00 horas no Centro Cultural de Cedeira. Ademais do autor participará a alcaldesa e responsable de Normalización Lingüística, Digna Rivas.

Cun amplo coñecemento da historia e o patrimonio do Concello froito do seu intenso traballo no blog “Anecdotario Redondelán”, Juan Migueles recolle nesta publicación datos históricos, patrimoniais e sociais que complementa coas achegas de veciños e veciñas co obxecto de facer un percorrido “ameno ao tempo que didáctico” do que é a parroquia de Cedeira.

O lector vai atopar curiosidades “como que Cedeira foi un señorío, é dicir, que tiña o seu propio alcalde ou o feito de que a zona da Portela foi un punto de partida dos xudeus que fuxían durante a II Guerra Mundial”. Lembra tamén períodos especialmente escuros “como os cadáveres que aparecía nas cunetas na Guerra Civil”.

Ademais de facer un percorrido polo rico patrimonio da parroquia – os xacementos arqueolóxicos de Monte Penide, o patrimonio industrial con fábricas de salgadura e conserva, os cargadoiros de mineral de Rande e, por suposto, a Batalla de Rande, así como o patrimonio arquitectónico-  tamén recolle feitos máis próximos como o impactante suceso de tres rapaces que saltaron do viaduto nos anos 70 e que, malia a altura da que caeron, lograron salvarse. Tamén temas amables como os premios da lotería na parroquia. O máis complicado, explica Migueles “foi resumir dun xeito ameno tantos datos e tanto contido”.

A presentación do libro terá lugar ás 20:00 horas deste venres en Cedeira e no transcurso do acto, ademais da intervención do autor e da alcaldesa, Digna Rivas, proxectaranse imaxes antigas da parroquia e agasallarase cun exemplar aos presentes.

O libro dedicado a Cedeira publicouse ao tempo que o dedicado a Saxamonde, escrito por Paulo Jablonski. En ambos os dous mantense o deseño dos anteriores da colección dedicados a Cabeiro, Cesantes, Santo Estevo de Negros, Reboreda, Ventosela e San Vicente de Trasmañó, e do mesmo xeito conta cunha portada realizada polo artista redondelán Angel Barros.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará