Os vándalos escribiron con tinta negra sobre a peza de granito o nome do ditador. Tamén tacharon a inscrición na que se podía ler “En lembranza dos homes e mulleres que defenderon a República. Concello de Redondela 2021”.
Un novo acto fascista contra un monumento que foi inaugurado hai menos de dous anos, o 14 de abril do 2021, e que o Concello de Redondela erixiu en memoria das persoas fusiladas por defender a República durante a Guerra Civil no alto da Concheira. Un lugar elixido para esta escultura porque nas inmediacións foran asasinadas 21 persoas sobre o total de 42 que perderon a vida en diversos lugares do municipio, segundo os datos das asociacións de memoria. Os atacantes e autores deste acto fascista empregaron pintura negra para borrar parte do texto da peza e, a maiores, tamén escribiron a gran tamaño o nome de Franco.
Uns actos que choven sobre mollado. Tan só tres meses despois de inaugurarse uns descoñecidos pintaron a escultura e o panel explicativo, causando importantes danos na peza. Un ataque que se repetía en xullo do ano pasado.
A escultura, elaborada pola Escola de Cantería de Poio, atópase nun pequeno miradoiro na estrada N-552 entre o Alto da Encarnación e a Ponte de Rande.