Os votos a favor de PSOE , AER e BNG permitiron sacar adiante unha nova ordenanza que busca ser máis útil que a normativa anterior á hora de atender economicamente a aquelas persoas que o precisen. A ordenanza fora rexeitada hai catro meses ao contar cos votos en contra de PP e AER. A Agrupación de Electores explicou o cambio no seu voto por ter introducido o novo texto algunhas melloras. Os populares optaron pola abstención.
A nova ordenanza será máis áxil á hora de dar resposta a aquelas persoas que se atopen en risco de exclusión e favorecerá ademais que poidan acceder a estas axudas económicas un maior número de persoas ao ampliar a renda mínima esixible.
Así o salientaba dende o BNg Xoán Carlos González quen falaba de que “catro meses despois atopámonos debatendo outra vez un dos puntos máis relevantes de todo o mandato porque supón modificar unha ordenanza que xa existe para crear un escudo de carácter social para aqueles veciños e veciñas que están ou van padecer unha grave crise económica teñan cando menos apoio económico por parte do concello”. Instaba aos grupos que en outubro votaran en contra, PP e AER, a cambiar o sentido do seu voto.
O edil de AER, Daniel Boullosa aseguraba que o seu grupo tiña a decisión tomada “hai máis de tres meses” e lamentaba que os nacionalistas os meteran “no mesmo saco que ao PP”. Afirmaba que “en outubro pedimos que quedara sobre a mesa para facer un par de cambios, que quedaron resoltos de forma inmediata, pola nosa parte unha vez incluídos eses puntos podería terse aprobada a ordenanza sen máis demora”.
Os populares afirmaba estar de acordo na necesidade de modificar esta ordenanza pero “o problema xurde cando se fai sen contar coas traballadoras do servizo e de forma urxente. O borrador que se presentou hai catro meses non é o mesmo que o de hoxe, que si ten achegas de todos os partidos. Así o afirmaba Sandra bastos, malia que o seu partido optou pola abstención.
A edil de Servizos Sociais, Iria Vilaboa insistía en que no novo borrador incluíronse as solicitudes de AER e do BNG, así como as das traballadoras que xa presentaran as súas suxestións con anterioridade e engadiron outras novas. Agradecía o apoios de AER e BNG para aprobar unha normativa que entende imprescindible para atender as necesidades de moitos veciños e veciñas.