O local utilizarase para acoller cursos, reunións da asociación de veciños e diversos usos sociais e culturais.
O Concello de Soutomaior inaugurou as novas dependencias municipais na antiga escola unitaria do barrio de Moreira. Unha mellora que contou cun orzamento de 98.633 euros coa que o Concello amplía o número de locais destinados a usos sociais no municipio e que servirá para devolver á vida un inmoble que forma parte do patrimonio arquitectónico protexido de Soutomaior.
Os traballos que recuperación do edificio supuxeron unha renovación total de case todo o inmoble. A cuberta foi totalmente demolida e substituída por outra nova.Do mesmo xeito, o interior do edificio reorganizouse completamente con novos tabiques que permitirán aproveitar mellor os espazos.
Ademais, instaláronse novos servizos interiores de fontanaría, saneamento, electricidade e iluminación e renovouse completamente toda a carpintaría exterior por unha nova de aluminio con fechaduras de seguridade. Tamén se doto ao edificio dun sistema de climatización e un de ventilación forzada.
Por último, o exterior do recinto acondicionouse mediante unha limpeza intensiva da pedra perimetral e a reorganización da masa vexetal da contorna. Para finalizar instaláronse dúas varandas de seguridade nas zonas da rampla e as escaleiras.
“Unha gran mellora que permitirá que a Asociación de veciños de Moreira dispoña dun local onde levar a cabo as súas actividades”, explicou o alcalde, Agustín Reguera, durante o acto de inauguración.