Momento no que o PP abandonaba o pleno ordinario de febreiro
O voceiro do bloque, Xoán Carlos González cualifica ao PP de “folloneiro” ao intentar bloquear e desprestixiar o máximo órgano de representación municipal. Interrupcións constantes nas quendas de palabra, descualificacións, empregar os rogos e preguntas para dilatar as intervencións, deambular repartindo materiais mentres outros compañeiros interveñen, rachar cos acordos de presentación de mocións, son algúns dos episodios quef segundo o voceiro nacionalista, caracterizan os Plenos en Redondela.
Aseguran dende o BNG que “nos últimos meses da man do Partido Popular tense deteriorado o papel do Pleno como máximo órgano de representación municipal” afirmando que “as faltas de respecto, nas que en ocasións tamén incorren concelleiras do Partido Socialista, están supondo un lamentable espectáculo de cara á veciñanza”.
Como mostra da actitude “folloneira” que segundo o BNG desenvolve o Partido Popular e que sería “froito dunha estratexia orquestrada por Javier Bas” relata que “en xaneiro abandonaron a sesión sen querer debater mocións como a da rampla de acceso ao IES de Chapela ou o tren de proximidade, no mes de febreiro mocións que denunciaron que non se lles deixaba debater retiráronas da orde do día”.
Responsabiliza da situación á alcaldesa Digna Rivas “por permitir estes continuos episodios de desprestixio da institución municipal e non aplicar os recursos na súa man para facer cumprir coa normativa que regula os plenos”. Por ese motivo emprazan á alcaldesa a “retomar o control do Pleno, en aras á defensa dos intereses dos e das redondelás” sinalando que “non pode consentir que se lle vaia das mans cando dispón de recursos como as chamadas de atención, ou mesmo a expulsión ante estas evidentes faltas de respecto de cara á veciñanza”.