Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela encara o 8M cunha intensa programación de actividades ao longo de todo o mes

8m

Exposicións, charlas, cine e a III edición das xornadas Gemma Pereira Otero son algunas das actividades que se inclúen nesta programación organizada pola Concellería de Igualdade e na que ten un protagonismos especial a Radio Municipal. Así, ademais do programa radiofónico diario “Pseudónimo, falso nome; pseudónimo, falso home”, o 24 de marzo farase unha homenaxe ás protagonistas do programa “As Mulleres Contan, percorrendo camiño”. Tamén elas serán as encargadas de ler o manifesto institucional este xoves 8 ás 12:00 horas na Praza do Concello. 

A programación do Día Internacional da Muller deste ano arrancou coa inauguración da exposición ‘Conquistadoras’ que se pode visitar na Alameda de Castelao e que inclúe novas incorporacións como os nomes de Esther Estévez, Mahsa Amini, Sesé Mateo, Xunqueira Ézara, Urraca I e Ugía Pedreira “co afán deste goberno de continuar ampliando esta iniciativa para dar o recoñecemento e o espazo a todas as mulleres que cambiaron a sociedade cara unha máis igualitaria”, segundo explicou a alcaldesa Diigna Rivas. 

Tamén se pode visitar xa a mostra “A Saia da Raíña” no Multiusos da Xunqueira, unha mostra audiovisual das mulleres galegas que continúan enloitadas no século XXI. Mulleres que por costume social, imposición moral ou crenza relixiosa tiveron que gardar loito temporalmente, e tamén durante toda a súa vida. 

O 7 de marzo preséntase a Exposición “58/885 Mulleres Nobel” no Multiusos da Xunqueira ás 12:00h, na que se recollen as biografías e retratos das 58 mulleres que recibiron o Premio Nobel ao longo da súa historia. Un traballo realizado polo alumnado do IES Mendiño baixo a coordinación das profesoras Almudena Suárez Cerviño e Raquel Fernández Fidalgo e nesa mesma xornada pero xa en horario de tarde na Biblioteca de CHapela celébrase o contacontos “Somos iguais” ás 18:30h. 

O Día Internacional da Muller ás 12 horas terá lugar na Praza do Concello a lectura do manifesto institucional por parte das protagonistas do programa “As Mulleres Contan, percorrendo camiño” de Radio Redondela. 

O 9 de marzo estréase a obra de teatro “Tabú” no Multiusos da Xunqueira para o alumnado dos IES de Redondela. Haberá dúas funcións, ás 10 e ás 12 horas, que irán seguidas dun coloquio. Trátase dun espectáculo de narración oral coa misión de transmitir as historias de confusión, segredismo, amor, picaresca e sexualidade das mulleres que son o cimento da nosa terra. Con música ao vivo de Su Garrido Pombo. 

O 10 de marzo celébranse as Xornadas Gemma Pereira Otero. Muller e Igualdade. Unha Charla-coloquio chamada “Emprendemento no Rural” con Rosa Arcos, fundadora da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia, Fademur nas oficinas de Turismo (Isidoro Queimaliños,2. Redondela) ás 19:00h. Interveñen ás redondelás Manuela Domínguez Rodríguez (Zona Verde Jardinería), Ana Míguez Dacosta (Héroes pola Ciencia) e Cinthya Roldán Dosío (Mariñeira). 

Pola súa banda, Radio Redondela desenvolverá ao longo de todo o mes unha programación especial co programa “Pseudónimo: falso nome; pseudónimo: falso home” a cargo da profesora Almudena Suárez Cerviño. Un espazo que quere reivindicar a todas esas mulleres que tiveron que agochar a súa identidade detrás dun nome masculino para publicar os seus traballos, acceder á universidade, fuxir de imposicións sociais ou desenvolver a súa labor científica e profesional. Ademais, os primeiros luns de mes, dará continuidade á emisión do programa “As mulleres contan. Percorrendo Camiño”. 

O 12 de marzo terá lugar a presentación do proxecto “As Mulleres do Textil” no Multiusos da Xunqueira (Redondela) ás 19:00h. 

Máis adiante, o 17 de Marzo celébranse unha nova entrega das III Xornadas Gemma Pereira Otero. Muller e Igualdade co obradoiro “Con forza de Muller” no Multiusos Piñeiral do Crego (Chapela) ás 19:00h. Estará impartido por Patricia Do Camiño (Coach certificada ICF, Mentora, Experta en Intelixencia Emocional e Benestar Organizacional) e Isabel Machado (Coach acreditada ICF, Especializada en Intelixencia Emocional & CoachingXvalores, Trainer Points of You e Consultora Condutual). Ese mesmo día inclúese un roteiro para coñecer as figuras femininas históricas de Redondela que comeza na Praza de Ponteareas ás 19:00h. 

O 19 de marzo haberá outro roteiro para coñecer as figuras femininas históricas, pero desta volta de Chapela. Na Alameda Rosalía de Castro ás 19:00h. 

O 24 de marzo, o últmo día da programación, farase un homenaxe ás protagonistas do programa da Concellería de Igualdade en Radio Redondela “As Mulleres Contan, percorrendo camiño”. Será no Pazo de Petán (Redondela) ás 19:00h. 

A programación do 8M de Redondela, tal e como apunta a alcaldesa Digna Rivas, “non queda cinguida a un so día ao igual que a loita pola igualdade non pode quedar limitada a actos puntuais”. Rivas lembrou a importancia de “traballar a prol da igualdade non só a través de celebracións ou conmemoracións, senón tamén no noso día a día e nas actividades cotiás que desenvolvemos”. 

Nese sentido, a alcaldesa de Redondela que felicitaba á concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, polo traballo realizado á hora de desenvolver “un programa potente e atractivo”, lembrou que o Goberno local busca a “transversalidade en todas as súas áreas, de xeito que a igualdade estea sempre presente en todas e cada unha das iniciativas que levamos a cabo, independentemente da concellería ou departamento de que se trate”. 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará